"O Venice Project é unha nova empresa que combina os mellores elementos da experiencia televisiva coas máis poderosas tecnoloxías en internet, coa fin de redefinir a forma en que a xente pensa sobre a tv. Non é unha aplicación P2P nin un servizo de descarga". Velaí a pouca información que oficialmente facilitan deica agora os responsábeis desta iniciativa. Vindo de onde vén, cos creadores de Kazaa e Skype como padriños, o proxecto espertou gran expectación na rede.
Ianus Friis e Niklas Zennstrom foron promotores no seu momento do exitoso programa de intercambio de arquivos Kazaa e de Skype, programa pioneiro da telefonía IP. Co precedente desas revolucionarias ideas, o anuncio de que están por tras do que provisionalmente foi bautizado Venice Project virou moitas miradas cara a esta idea.
Con todo, de momento pouco se sabe, aínda que na web pode solicitarse entrar na lista de probadores da ferramenta, privilexio co que de momento apenas contan un cento de internautas. O anuncio chega logo de coñecerse da posíbel compra do portal de vídeos Youtube por parte de Google, malia que o xigante motor de busca xa contaba coa súa propia sección audiovisual e nun momento no que a expansión da banda larga entre os usuarios está relanzando o uso do vídeo en internet. Entre as vantaxes desta nova ferramenta estaría a oferta de transmisións de alta calidade que usarían do largo de banda dos internautas a través dunha ferramenta con base en tecnoloxía P2P, aínda que así e todo estes só poderían ver os vídeos en tempo real e non poderían descargalos ao propio computador.