A cidade estado de Singapur vaise sumar en xaneiro á pequena lista de paraísos para cibernautas nos que internet está no aire e usalo non se nota nos petos. O goberno da cidade vai poñer en marcha un plan, Wireless@SG, que levará internet con banda larga e sen cabos a cada curruncho de Singapur.
A IDA (Axencia de Desenvolvemento de Comunicación da Información) é o organismo gubernamental responsábel desta iniciativa. Aínda que Singapur non é unha cidade pioneira en contar cunha rede wireless gratuíta, si vai ser a primeira que poña de acordo a diferentes operadoras para garantir unha cobertura continuada no tempo e no espazo. Dos 900 puntos de conexión cos que conta Singapur na actualidade pasarase a 5.000 en 2007.
A intención deste programa é difundir o uso de internet e das novas tecnoloxías na cidade. Ademais de ser unha boa oferta engadida para turistas e visitantes ocasionais por motivos de negocios. Contan con que a experiencia dure cando menos dous anos, nos que as compañías implicadas no programa, SingTel, iCell e QMax, van percibir uns 19 millóns de dólares de subsidios gubernamentais.
Anterior: