A maior party de software libre de Galiza comezou este xoves ás cinco da tarde e desenvolverase até o domingo 15 mediodía, con 150 ordenadores conectados en rede, conferencias, coloquios, visitas escolares, concursos e outras actividades relacionadas co Linux e os programas de código aberto. O evento está organizado por GALPón (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra), coa colaboración do Concello e de AGNIX (Asociación de Usuarios de GNIX).
Agárdase a asistencia de usuarios e usuarias de toda Galicia, con presenza destacada de persoas da área de Vigo. Os asistentes poderán levar o seu ordenador de sobremesa ou portátil para ocupar unha das 150 prazas dispoñibles con conexión a Internet e rede local. Ao longo dos catro días que durará o evento celebraranse varias conferencias e mesas-coloquio, que tratarán temas de programación, uso e aproveitamento das principais ferramentas do software libre e incluso sobre astronomía. Os asistentes recibirán de forma gratuíta un cd cunha distribución completa de GNU/Linux e Open Office en galego.
Está prevista tamén a visita de dous centros de educación secundaria de Cangas e O Porriño.Raúl Francés convidou "a todas as persoas interesadas na informática a participar neste encontro, porque será unha boa ocasión para intercambiar experiencias nun ambiente de ocio e traballo". O alcalde lembrou que "o noso Concello está implicado en potenciar o software libre polas súas posibilidades para crear redes sociais activas. Neste sentido, anunciamos que en decembro O Porriño acollerá as I Xornadas Lusófonas de Software Libre, con representantes de Galicia, Portugal e Brasil".