Non destacan pola súa orixinalidade, nin son grandes músicos, pero pasarán á historia por seren o primeiro grupo que entra nas listas de vendas do Reino Unido sen editaren discos. Koopa, banda de pop-punk do condado de Essex, está a piques de se converter na primeira en chegar ao top 40 sen ter contrato con ningunha discográfica. O seu single Blag, Steal & Borrow só se pode conseguir mediante descarga. Pero nun país cunha industria discográfica tan potente, non se leva moito o de ofrecer a música de balde. O tema pódese mercar con tarxeta de crédito (por 77 peniques, 1,15 euros) ou enviando unha mensaxe de texto que custa aproximadamente o dobre.
Na listaxe extraoficial que se elabora a mediados de semana acadaron o posto 17, polo que todo parece indicar que este domingo entrarán no top 40. Isto é posíbel grazas a que dende o 1 de xaneiro non é obrigatorio que as vendas se fagan nun soporte físico. Si existe a obriga, no entanto, de que as cancións se venda a través de servizos de descargas recoñecidos. Tanto os compoñentes do grupo, os irmáns Stuart e Oliver Cooper (de aí vén o nome de Koopa) e Joe Murphy, como o seu representante, Gary Raymond, amósanse entusiasmados por compartir listaxe con bandas como U2 ou Razorlight, e basean o seu éxito nunha base de afeccionados que acadaron grazas a anos de traballo e de concertos. Raymond non cre que poidan ter saída grupos baseados exclusivamente na rede. Visto o seu éxito, xa recibiron chamadas de varias discográficas, polo que a súa independencia está en perigo.