Mellorar a inserción laboral dun dos colectivos con máis problemas para atopar un traballo. Este é o motivo do innovador programa de alfabetización tecnolóxica para mulleres rurais da Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI). Unhas 350 persoas, na súa maioría discapacitados, aprenden a explotar as ferramentas do ciberespazo a través desta pioneira iniciativa. Os cursos impártense en 30 vilas do rural galego por profesores que tamén sofren algún tipo de minusvalía.
Os asistentes reciben formación en materias como o ensino a distancia e o teletraballo. É que un dos obxectivos e que os alumnos, maioritariamente mulleres, poidan compatibilizar mellor a súa vida familiar co seu crecemento profesional.
Vilas nas que se imparten os cursos
As localidades de Cabana, Nigrán, Mugardos, Moaña, Verín e Betanzos acollerán os próximos cursos a partir do 15 de xaneiro. Posteriormente celebraranse nas Pontes, Cambados, Viveiro, Padrón, o Carballiño, o Rosal e na comarca de Trives, nunha localidade aínda por determinar. Outras dezaseis vilas tiveron estes ciclos formativos os pasados meses.
Ata agora foron o 80% dos alumnos foron persoas con discapacidade, pois, aínda que os cursos están abertos a todas as persoas, están enfocados a axudar a mulleres e a cidadáns minusválidos. Iso si, a práctica totalidade das clases impártese en zonas do rural, a área que máis sofre a fenda tecnolóxica.
A maioría non se conecta porque non sabe como
A falta de formación é precisamente unha das causas deste atraso. Así, nos municipios con menos habitantes a maior parte deles, que non son internautas, di que non usa a rede porque non sabe como empregala. Polo contrario, nas cidades a porcentaxe de xente que admite carecer de formación abondo é tres veces inferior. Así se recolle nas enquisas do Plano Galego da Sociedade da Información.