Que internet é unha parte cada vez máis importante das nosas vidas non é nada novo. O que si que é noticia é que a morte e o respecto cara aos ausentes comece a protagonizar as chamadas webs 2.0. A práctica de converter a páxina do MySpace dun falecido nunha tumba virtual está comezando a ser máis que habitual nos Estados Unidos. Amigos e familiares seguen a deixar mensaxes nese espazo que antes utilizaban para comunicarse co finado. É por iso polo que xa aparecen os primeiros "cemiterios virtuais", páxinas onde se recollen as ligazóns ao Myspace dalgún finado, onde se explica o motivo da morte así como outros datos de interese sobre a persoa.
Páxinas web como mydeathspace ou yourdeathspace recollen desde hai varios meses información sobre falecidos que utilizaban o servizo MySpace para comunicarse co resto do mundo. A diferenza das pertenzas e propiedades físicas, os espazos virtuais manteñen a titularidade malia a morte do usuario e convértense en auténticas tumbas onde familiares e amigos deixan as súas mensaxes para o ausente.
A maior parte dos usuarios deste tipo de webs socializadoras son persoas novas, ou polo menos non anciáns, polo que as mortes danse case sempre dun xeito tráxico, accidentes de tráfico na maior parte dos casos. Isto axuda a que o myspace se converta nun auténtico pano de lágrimas para os seres queridos dos mortos, onde mensaxes do tipo "estráñote" son os máis abundantes.