A presenza galega en Second Life, o mundo virtual de máis éxito na rede, segue a medrar día a día. Se hai dous meses Nacho Mirás creaba o Centro Galego nesa realidade paralela, agora é a Universidade de Vigo a primeira institución académica do noso país en construír unha sucursal dixital. A idea partiu da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.
O centro comezou dende abaixo, alugando unha oficina de 200 metros cadrados dentro dun edificio de I+D, que custa 40 centavos de dólar á semana. Alí, os internautas, especialmente alumnos, poden facer consultas e presentarse a titorías. Deste xeito, a universidade segue o camiño marcado por institucións norteamericanas como Harvard, Stanford ou Columbia, que contan con enormes campus virtuais. A facultade viguesa aspira a mercar, nun futuro, unha illa en Second Life para construír unha ampla delegación.