Evitar que as aulas de formación tecnolóxica esmorezan por non existir persoal para sacarlles partido. Este é un dos fins da Rede de Dinamizadores da sociedade da información, unha iniciativa da Consellería de Industria para loitar contra a fenda dixital nas áreas rurais. A partir de hoxe, un cento de bolseiros pasarán a traballar en centros comarcais, concellos e asociacións para difundir as vantaxes do ciberespazo.
Os bolseiros, que agora comezan a segunda etapa de formación, adicaranse a espallar entre os habitantes das zonas máis despoboadas as utilidades que poden atopar en Internet, entre outras actividades. Así se recolle nun acordo presentado hoxe polo conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e representantes de cen entidades.
Novecentos euros e posibilidade dun contrato
Estas institucións facilitaranlle aos mozos, menores de trinta anos, coñecementos prácticos no campo das tecnoloxías da información. A cambio, os participantes traballarán dende as sedes destes organismos para promocionar as novas tecnoloxías. Ademais, as entidades comprométense a contratar "durante un tempo non inferior a un ano con cargo aos seus orzamentos" aqueles que mostren unha actitude "satisfactoria" durante a bolsa, segundo Industria.
Esta iniciativa forma parte do Plano Estratéxico da Sociedade da Información, o documento que guía a política do Goberno no campo das novas tecnoloxías. Industria recoñece que no país existen infraestruturas de formación que non están a ser utilizadas por falta de persoal. A Rede de Dinamizadores tenta acabar con este problema e, asemade, "detectar a necesidade de desenvolvemento de novos contidos e servizos".
A selección dos mozos participantes, que cobrarán 900 euros brutos, realizouse a través dunha convocatoria do DOG.