Axudar ao lanzamento de programas libres en galego é máis doado dende hoxe. Mancomun.org, a iniciativa galega polo Software Libre, acaba de crear A Forxa, un portal para coordinar o traballo de empresas, institucións e voluntarios. A través desta ferramenta pódese botar unha man na programación de novas ferramentas e tamén participar noutras tarefas menos técnicas, como a tradución de documentación ao galego.
O proxecto Mancomun.org destaca o espírito colaborativo do proxecto, que está a aberto a "empresas, universidades e administracións públicas e a calquera persoa ou institución interesada". A través da Forxa poderase participar, por exemplo, no desenvolvemento da versión galega de Typo3, un popular xestor de contidos. Iso si, o portal aínda se atopa en período de probas.
A Forxa pode verse como a versión galega de Sourceforge, o repositorio a través do que milleiros de voluntarios e empresas desenvolven novas aplicacións. Sourceforge acolle os grupos de internautas que crearon programas tan populares como, entre outros, o eMule e o Gaim.
A Universidade da Coruña é a encargada da xestión da Forxa grazas a un convenio coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información. Este departamento da Consellería de Industria é a administración que pon os cartos para o funcionamento de Mancomun.org.