Oitenta usuarios están xa a probar os primeiros ordenadores desenvolvidos e creados integramente na China. A empresa Lemote anunciou que as probas no laboratorio do seu ordenador xa remataron e que a mediados de febreiro porán a venda as primeiras mil unidades. Trátase dun ordenador que funcionará baixo Linux e que terá 40 gigas de disco duro e 256 megas de memoria ram. A creación do chip Godson II E por parte de enxeñeiros chineses foi o paso final dun proxecto que contou co apoio e financiamento da Administración Pública China. Cun custo de pouco máis de 150 euros, a tecnoloxía chinés desembarcará tamén no resto do mundo co obxectivo de competir cos xigantes do desenvolvemento informático Microsoft e Intel.
Segundo informa a axencia de noticias chinesa Xinhua, o desenvolvemento do proxecto comezou no 2001 coa creación do primeiro chip Godson. Desde aquela, o Instituto de Tecnoloxía Informática creou tres xeración máis destes procesadores. O último, o Godson II E, triplica a potencia do primeiro.
O anuncio por parte das autoridades chinesas do lanzamento destes ordenadores está a levantar unha grande expectación entre os grandes fabricantes de hardware. Empresas como Intel ven no mercado chinés un dos principais clientes nas próximas décadas polo que a aparición destes competidores locais podería frustrar os plans de expansión no xigante asiático.