Chámase RFIDELIA e é a primeira empresa galega de sistemas RFID, a polémica -e eficaz- tecnoloxía chamada a remprazar os códigos de barras. Os RFID son chamados chips espía polos seus detractores, dada a súa capacidade de invadir a intimidade dos cidadáns. As ferramentas desta compañía aplicáronse xa en citas tan importantes coma os Premios Príncipe de Asturias ou en cumios en Washington. Dende a sede da empresa no Porriño explican que "ningunha tecnoloxía de por si é boa ou mala, todo depende do uso que lle queiras dar".
O continúo progreso dos RFID ten creado movementos de protestas a nivel internacional, como Spychips.com. No caso de xeralizarse sen control, poderíase saber ao momento, por exemplo, quen, cando e onde se comprou un determinado libro, aínda que non se teña acceso físico ao ítem. E é que a diferenza dos códigos de barras, os chips RFID poden ser escaneados a moita distancia, incluso a cen metros. Un dos usos desta tecnoloxía é nas peaxes da autopista, cando a barreira se levanta automaticamente ao paso do automóbil dotado con este microchip. Tamén se usan nas máquinas de barbear e nas billas de Estrella Galicia.
RFIDELIA aplícaos para controlar o movemento de persoas en feiras e eventos internacionais. Por exemplo, na última edición de Conxemar as 35.000 acreditacións dos asistentes levaban un circuito. Deste xeito, a organización dunha feira pode saber canto público –e que persoas- asisten a cada evento.
Como limitar quen accede a información?
Manuel Montes, directivo da firma, argumenta que a tecnoloxía pódese aplicar sen invadir a privacidade dos cidadáns. Abonda "ter ben claro" como usala, por exemplo limitando a distancia a que se poden ler os microchips. O sistema de RFIDELIA foi aplicado con éxito en cumios nos que a seguridade era vital, por exemplo na xuntaza sobre antisemitismo organizada pola Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa.
RFIDELIA agarda que os custes da tecnoloxía se abaraten para espallar os ámbitos de aplicación da súa ferramenta para congresos. A empresa botou a andar este ano, froito da colaboración doutras dúas sociedades con experiencia neste campo, e conta co apoio financeiro da administración. Polo de momento ten oito traballadores, na súa maioría enxeñeiros de telecomunicacións.