Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CO DIRECTOR DE BLUSENS, LÍDER NA VENDA DE REPRODUTORES MP3

"Coa formación que temos, hai que pensar en ser empresario e non funcionario"

Agora mesmo é un dos homes de moda, a cara do éxito do mundo dos negocios en Galiza. Contrata misses e patrocina equipos no mundial de motos para promocionar os seus trebellos dixitais. É certo que Xosé Ramón García, santiagués de só 36 anos, sabe como atraer os focos dos medios cara aos seus negocios. Pero tamén é verdade que o avala un espectacular currículo e, sobre todo, as cifras de negocio de Blusens. Son xa medio millón de reprodutores mp3 vendidos no estado, o que o convirte no líder deste mercado. A compañía ten filiais en Dubai, China, Malasia e uns 300 obreiros en Hong Kong. Todo isto deseñado dende Galiza "sen ningún complexo".

- 10:46 02/02/2007
Tags:

Para García, o país necesita destinar os investimentos públicos a proxectos "viábeis inmediatamente dende o punto de vista empresarial". O director de Blusens defende que a súa compañía, que non para de internacionalizarse, seguirá apostando por Galiza pois "todo o noso I+D sempre vai estar aquí". Iso si, recoñece que é imposíbel traer a ensamblaxe dos aparellos dende China a Galiza xa que necesita "man de obra económica".

Un dos problemas que teñen as empresas tecnolóxicas galegas é a fuga de cerebros. Ten Blusens dificultades para contratar xente moi preparada no país?
Dígoo sen ningún complexo, os negocios de novas tecnoloxías pódense desenvolver dende Galiza tan ben coma dende Estados Unidos ou China. O que si é certo e que non hai tradición. Ao non haber empresas suficientes para acoller a todos os licenciados moita xente busca traballo fóra, falo de enxeñeiros de telecomunicacións e informáticos. Pero esa xente é galega e está disposta a volver á súa terra. Nós atopamos xente ben formada e tratamos de rescatar cantos máis galegos do exterior mellor. É certo que en Madrid resúltanos moito máis doado conseguir xente formada e con experiencia -non con formación, xente con formación haina aquí- porque é onde están as empresas tradicionalmente. Temos que cambiar esta tendencia. Por iso interésanos que aparezan novos proxectos tecnolóxicos en Galiza, porque cantos máis sexamos, máis masa crítica haberá.

E que políticas debería lanzar a Xunta para fomentar as empresas tecnolóxicas en Galiza?
Creo que xa o están facendo. O impulso ao I+D+i é a vía máis importante. Sobre todo hai que concentrar os recursos de I+D+i en proxectos viábeis inmediatamente dende o punto de vista empresarial. Así a xente que queira lanzar un proxecto tecnolóxico poderá atopar o apoio necesario.

Entendo que Blu Sens seguirá desenvolvendo os seus produtos en Galiza e Madrid, pero non é viábel trasladar aquí a produción que teñen en Hong Kong?
Todo o noso I+D sempre vai estar aquí. Nós non fabricamos fóra, ensamblamos fóra, pero o resto faise por completo en Galiza. Cando temos o proxecto listo, subímolo a uns servidores e a nosa factoría en China ensámblaos, pero nada máis. A ensamblaxe é obrigatorio facela fóra porque neste sector é imposíbel ensamblar en Europa, porque a man de obra necesaria é importante e aí si que tes que usar man de obra económica.

O seu caso pode ser o exemplo máis famoso dun emprendedor galego que chega ao éxito. Que lle recomendaría aos mozos que teñen unha idea e dubidan, debo dar o salto ou non...
Por suposto! Aos emprendedores fáltalles seguridade, pero nós sempre tentamos que o noso exemplo lles mostre que, sen ningún tipo de recurso económico ou humano -como era o noso caso en 2001-, pódese chegar a crear un negocio. Coa formación e a calidade humana que temos os galegos, o que hai que pensar cada vez máis é en facerse empresario e non outras opcións, aínda predominantes, como ser funcionario ou empregado "de". Galiza necesita moitos empresarios que dende cero desenvolvan negocios porque diso depende o noso crecemento.

Na prensa tense definido a Blusens como un fabricante de produtos de gama alta a prezos reducidos. Até que punto é certo?
É certo: fabricamos tecnoloxía na mellor relación calidade-prezo. Estamos competindo nun sector dominado por marcas internacionais, que poden explotar esa imaxe de marca. Canda elas hai moitas empresas que entraron no sector rompendo os prezos. Nós somos unha empresa atípica porque traballamos nun rango medio, non somos nin caros nin baratos. O que facemos é unha aposta pola calidade e, sobre todo, moitísima innovación.

Os xornais din que os seus competidores son Sony ou Apple co seu iPod. Non entra a vertixe cando comparan Blusens con estes xigantes?
Si, son unhas comparacións bastante esaxeradas. O que fai a prensa sobre todo é comparar a evolución do mercado en España, e é certo que nós en España lles gañamos a partida, somos a marca que máis se vendeu. Isto xerou unhas comparacións que son un pouco erróneas, tipo "Blusens desbanca a ..." . O noso mercado aínda non ten o carácter global que si teñen esas compañías. A nosa expansión internacional é forte, pero fáltanos consolidala. Temos que ter os pés na terra, nós levamos cinco anos e eles son empresas centenarias. Se cadra ter vendido 500.000 reprodutores de mp3 en España fíxonos superalos neste mercado, pero aínda temos que lograr iso noutros países.

A campaña de Nadal é vital para os fabricantes dos aparellos tecnolóxicos. Que tal lle foi a Blusens?
Moi ben, vendemos 180.000 produtos só no Nadal -incluíndo non só mp3, senón dvds, televisións, etc. Tamén consolidamos a marca en máis puntos de distribución, temos uns seis mil puntos de venda en España e practicamente estamos en todas as grandes superficies. O noso obxectivo é duplicar a facturación en 2007 mediante a internacionalización a través das filiais de China, Malasia, Dubai e México e con moita innovación.

Pode contarnos algo sobre o G14, ese trebello que tantas noticias, incluso nos medios foráneos, causou cando o presentaron na feira CES das Vegas?
O mp3 con bluetooth foi a nosa gran aposta de I+D , con oito millóns investidos en 2007 e 2008. A idea era sacar produtos que ninguén tivese. A partir deste aparello seguimos traballando nun mp3 con wi-fi, algo que só Microsoft estaba a desenvolver. O seu produto chegará a Europa no Nadal de 2007 e o noso xa está listo. Presentámolo na feira das Vegas como produto estrela. Todo isto está xerando un rebumbio a nivel internacional sobre os nosos desenvolvementos.

Un dos seus maiores mercados é o mp3. O iPod de Apple ten sufrido hai pouco problemas legais debido ao seu sistema de protección dos dereitos de autor. Pensa Blusens incorporar aos seus trebellos algún tipo de sistema DRM como o dos iPod?
Non, temos moi claro a liña aberta que debemos seguir. Dende que saíu a Lei de Propiedade Intelectual en xullo, ASIMELEC, a que pertencemos, comezou a negociar coa SGAE o canon que deberían levar os mp3. Durante sete ou oito meses estívose negociando para que non fose un canon desproporcionado como o dos cds. Hai un principio de preacordo referido aos mp3s pero non no resto de aparatos que sairá á luz nestes meses. Blusens xa comezou a aplicar ese canon porque o normal é ter que pagalo dende o 1 de xaneiro. Polo tanto, a legalidade está cuberta en todo momento. O que está claro é que a música en mp3 seguirá existindo e a SGAE ten moi claro que a solución é o canon.

O consumo destes aparatos parece moverse por modas, primeiro foron os dvds e agora son os mp3s os líderes de vendas. Cal será o aparato de moda do futuro?
Nós vivimos da innovación. O plan é sempre sacar produtos novos de xeito continuo e rápido. Canto máis rápidos somos, maiores ingresos porque na innovación o principal beneficio está nos ciclos iniciais, pero temos claro que o mp3 e o mp4 teñen camiño por recorrer nos próximos anos. O walkman tamén durou moitos anos. Non cremos nun gran cambio no mercado dixital este ano. Seguiranse a vender mp3 e mp4 pero haberá cambio no concepto dos produtos. Cada vez son máis completos, teñen pantallas máis grandes, permitirán falar vía IP, terán wi-fi para conectarte dende calquera lugar. No negocio do vídeo cada vez serán máis importante a alta definición. E as LCD seguirán consolidándose.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: