Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
RECTIFICADO O COMUNICADO SOBRE A INTERVENCIÓN DE TOURIÑO NO PARLAMENTO

A Xunta matiza a súa interpretación optimista dos datos da fenda dixital

O presidente da Xunta presentou uns "datos positivos" sobre a evolución do uso das novas tecnoloxías o luns no Parlamento. No comunicado orixinal que resumía esta intervención, a Xunta aseguraba que "en acceso a internet, Galiza foi a comunidade con maior crecemento no ano 2006 (23%)". O certo é que Presidencia recoñeceulle a Vieiros que se trataba dun "erro", pois en realidade o dato referíase unicamente a empresas, polo que reeditou o comunicado orixinal colgado na web. É máis, varias das outras cifras presentadas inicialmente distorsionaban a realidade do uso das TIC no país. O certo é que Galiza non saíu da cola da clasificación de uso da Rede, aínda que si recortou a distancia respecto a media estatal.

- 13:27 14/02/2007
Tags:

En termos globais, só Estremadura ten unha proporción de fogares conectados menor ca Galiza. Ademais, o país segue a ser a antepenúltima comunidade no uso de internet por parte dos cidadáns maiores de 16 anos. No comercio electrónico as cifras son un chisco mellores, pois hai catro autonomías por debaixo de Galiza.

Datos relativos
No comunicado orixinal, - que Presidencia modificou tras a consulta de Vieiros- a Xunta argumentaba que Galiza foi "a segunda comunidade de España no número de persoas que compraron a través de internet" en 2006. A verdade é que os datos do Ine mostran que o país está por debaixo da media estatal. Mesmo a porcentaxe de galegos que mercaron en liña en 2006 caeu respecto á última enquisa de 2005. Ante este feito, Presidencia explicoulle a Vieiros que, en realidade, a frase facía referencia ao crecemento en termos relativos, dende o primeiro de semestre de 2005. Por iso procedeu a cambiar a redacción da nota de prensa, que xa fora publicada na web.

No mesmo comunicado inicial, a Xunta aseguraba que Galiza foi "a segunda comunidade no ano 2006 no que ten que ver na proporción de vivenda con acceso a internet". De novo os datos do INE mostran que Galiza está case dez puntos por debaixo da media estatal.

Interpretación das estatísticas
Preguntada por este xornal, Presidencia explicou que o Touriño referíase ao crecemento relativo dende o primeiro semestre de 2005. É certo que, en termos porcentuais, Galiza é a segunda parte do Estado en que máis aumentaron os fogares conectados á rede nese período. Porén, en termos absolutos varias comunidades -como Canarias ou Cantabria- medraron máis. De feito, respecto a última estadística de 2005, a proporción de fogares con acceso medrou menos en Galiza (1,6 puntos) que no conxunto do Estado (2,1 puntos).


Documentos

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: