A administración electrónica no país avanza con falta de coordinación e duplicación de iniciativas. Así se recolle nun dos informes de ICHNOS, un programa da Unión Europea sobre a e-administración clausurado o xoves en Santiago. Este documento salienta a "falta de planificación" na administración electrónica e no apoio aos emprendedores en Galiza. É máis, o texto indica que existe "unha grave carencia de vontade política para favorecer os cambios". Técnicos do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) dirixiron o programa coa axuda de socios italianos e checos.
Un dos capítulos do documento, baseado en entrevistas con expertos, destaca que a "descordinación existente entre as distintas administracións" provoca que "se solapen as actividades que se realizan, como ocorre cos cursos de formación a emprendedores".
A opinión dos expertos
"Incongruencias entre as propias administracións" ou "preséntome a un concurso público na Deputación da Coruña e a un na Xunta, e non me vale para nada o que teño nun lado e o que teño noutro" son dúas das frases que os entrevistados usan para describir a situación.
En particular, ICHNOS sinala que a maior barreira é a falta de coordinación entre o Estado e a Xunta. "As distintas administracións non falan entre si, porque o sistemas informáticos tampouco falan entre si" indica un dos expertos, que non son identificados .
Excepcións contra a burocracia
Iso si, o documento pon exemplos de iniciativas galegas que si serviron para reducir o tempo que consome burocracia, como o portal Eido Local ou o Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos da Xunta. O texto conclúe pedindo "unir forzas para servir o administrado".
Precisamente un dos fins de ICHNOS era definir un modelo de xanela administrativa única para promover o desenvolvemento local, tal e como explicou onte a Consellería de Industria.