Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ENTREVISTA CO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE ENXEÑEIROS DE INFORMÁTICA E XEFE DE INFORMÁTICA DO CONCELLO DE SANTIAGO

"Se a rede da zona vella é un éxito, o lóxico é levala a outras áreas"

Que unha web institucional requira da sinatura dun enxeñeiro informático, igual que unha ponte está avalada pola firma dun arquitecto. Este é un dos obxectivos da Asociación Enxeñeiros de Informática de Galicia (AEIG), que preside Jesús Rodríguez. Nesta entrevista, Rodríguez fai unha radiografía desta profesión nun intre clave, cando están a piques de nacer dous colexios profesionais de inscrición obrigatoria para os informáticos licenciados. Ademais de presidente da AEIG, Rodríguez é xefe dos servizos informáticos do Concello de Santiago. Por iso tamén adianta a posible expansión da rede sen fíos de Santiago máis alá do casco histórico.

- 16:55 19/02/2007
Tags:

Nunha entrevista co portal do Plano Estratéxico da Sociedade da Información, o presidente da AEIG analiza os problemas do mercado laboral da informática en Galiza. A falta de formación empresarial nas facultades e o pequeno tamaño das empresas galegas son dúas da barreiras a superar para evitar a fuga de licenciados a outras partes do Estado, na súa opinión.

O Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información indica que un dos principais lastres das novas tecnoloxías en Galiza é a fuga de cerebros. Até que punto é certo na enxeñería informática?
En xeral, atópase traballo, pero non sempre o máis acorde coa formación e coñecementos recibidos. Aínda que non somos profesionais que se movan demasiado, posibelmente polo feito de que é relativamente doado atopar algún tipo de traballo no contorno local, hai unha parte importante que remata marchando.

Cales son as expectativas laborais dos titulados?
A situación do mercado laboral non é idónea porque as empresas son xeralmente de pequeno ou mediano tamaño e con escasos recursos e, posiblemente, menos preocupadas pola competitividade e a modernización ca outros sectores. Como resultado de todo isto non existe unha aposta forte polo aproveitamento das tecnoloxías da información e a esixencia de estándares mínimos de calidade. Todo isto leva a que non hai suficiente oferta de postos de traballo con distintos perfiles onde os nosos ben cualificados profesionais poidan aplicar os seus coñecementos. Existe un bo potencial, e agora cómpre aproveitalo.

Que é o que se bota en falta na formación que dan as facultades?
É evidente que os enxeñeiros en informática temos unha forte formación técnica, pero falta un chisco de formación orientada á empresa porque, finalmente, o noso traballo é solucionar problemas de negocio, tanto se traballamos en compañías privadas coma en Administracións. O noso posto está deseñando, construíndo e mantendo sistemas informáticos, pero tamén analizando procesos de negocio, creando sistemas de información ou participando na toma de decisións estratéxicas para a empresa. Porén, a Universidade non logra transmitir este abano de opcións, polo que os nosos titulados moitas veces carecen da visión de que poden facer algo máis que programar. Isto é algo que percibo cando, como profesor, teño a oportunidade de explicar aos alumnos cal é o traballo que desenvolvo no Concello de Santiago de Compostela. Normalmente quedan moi sorprendidos porque están centrados na programación.

Respecto ao seu traballo no Concello de Santiago, o tema que esperta máis expectación é o lanzamento dunha rede pública sen fíos na zona vella. Cando estará en marcha?
Ten que estar funcionando este ano. Agora comeza a fase de estudo e xa se conta co financiamento do Plan Avanza, que é executábel este ano. Estase escollendo o modelo de negocio económico entre moitas opcións. Cómpre definir factores fundamentais, porque, por exemplo, cobrar unha cota implica dar un servizo de certa calidade. Nós levamos tempo falando con operadores para determinar o modelo.

Faise na zona vella porque no casco histórico non se pode furar para meter a fibra óptica?
Non se fai na zona vella porque esta sexa prioritaria sobre outras. Santiago ten unha moi grande área rural e é importante levar a rede a todos os sitios. Pero é certo que un dos factores polos que se implanta primeiro nesta área é para evitar técnicas máis agresivas e de maior impacto.

Así que nun prazo medio poderíase estender a outras zonas...
A rede da zona vella vese como un proxecto piloto nunha zona determinada, na que se dan as condicións adecuadas para implantalo. Ao mesmo tempo é unha zona que tamén presenta dificultades de cobertura. Estamos falando de que o sinal ten que atravesar muros de pedra moi anchos. Pero o obxectivo está claro, que chegue a todos os puntos. Se a rede da zona vella logra o éxito esperado, o seguinte paso lóxico é levala a outras áreas do municipio, pero é un obxetivo máis global, para fases posteriores.

O Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galiza vai ser de colexiación obrigatoria, mais os proxectos informáticos non van requirir da sinatura dun colexiado, tal e como sucede, por exemplo, cos arquitectos. Daquela cal vai ser a utilidade real do Colexio?
É un paso importante pola representatividade e porque supón un recoñecemento para as nosas titulacións. Pero é necesario ademais unha regulación da profesión, é dicir, o estabelecemento de atribucións ben definidas, a definición de estándares de calidade, a aplicación do concepto de responsabilidade civil aos proxectos informáticos. En definitiva, defendemos o visado de proxectos informáticos como garante desa calidade.

Daquela o que busca é que se recoñeza a responsabilidade do traballo dos enxeñeiros informáticos ...
De xeito coloquial, o que queremos erradicar o concepto de "erro informático" como algo fortuíto e inevitábel. É dicir, pretendemos que cando se fale de proxectos informáticos non se pense en algo difuso, no que non é posíbel estabelecer ningún tipo de responsabilidade.

Cales son obxectivos da Asociación?
A Asociación será un punto de encontro entre todos os enxeñeiros en informática, e axudar a incrementar a súa cualificación a través de formación e outros servizos. Tamén aporta servizos á sociedade e outras Institucións, entre os que destaca o servizo de xestión de peritaxes informáticos. Por último, pretende ser un punto de referencia para Administracións, universidades, empresas, e outros axentes sociais que necesiten apoio en todo o relativo á nosa profesión. Como exemplo, a Asociación ten asinados convenios de colaboración coas tres universidades.

Que factores frean este recoñecemento?
Non creo que haxa ninguén en contra da regulación da profesión, toda vez que supón unha garantía para os clientes e usuarios de sistemas informáticos. É unha cuestión de evolución no tempo. A nosa é unha profesión relativamente nova, e polo tanto existe un descoñecemento real do que significa e que se lle pode pedir á informática.

Un dos principais problemas é polo tanto que non é doado transmitir o concepto de calidade nos sistemas informáticos, máis alá do simple cumprimento duns mínimos criterios funcionais. Con frecuencia defectos de deseño e implementación quedan ocultos até que a realidade demostra que é imposíbel a súa evolución e mantemento, ou non foron correctamente probados.

É o software libre unha mellor vía para garantir esa calidade? Deberían as administracións estar obrigadas a empregar programas abertos?
O responsábel dun departamento de Informática, como é o meu caso, debe ter en conta varios factores. O seu traballo non é moitas veces puramente informático, senón que necesita dar resposta ás necesidades de comunicación e tratamento de información das distintas oficinas desde o punto de vista de procedementos e fluxos de información. No momento de contratar aplicacións informáticas, como pode ser unha ferramenta de xestión tributaria para un Concello, é importante a parte tecnolóxica, pero tamén existe unha parte de know how. Posto que non existe unha grande oferta nestes sectores, o tipo de código convértese ás veces en secundario.

Daquela, é cuestión de madurez?
Efectivamente, é un problema de madurez tecnolóxica. É posíbel traballar con software libre a nivel de sistemas operativos en certos ámbitos, en ofimática, en servidores de bases de datos, en contornos de publicación en Internet, pero a implantación en sistemas de soporte a procesos de negocio é máis complicada na actualidade. En grandes proxectos públicos pódese chegar a establecer como un dos requirimentos a obrigatoriedade do software libre. Pero mentres non haxa un maior desenvolvemento, nalgúns campos concretos a escolla entre software libre propietario non é unha opción.

A nova Lei de Administración Electrónica obrigará a todos os concellos a prestar certos servizos de e-administración alá polo 2010. Os concellos máis pequenos poderán cumprir estes requisitos?
Non creo que sexa un problema exclusivo dos municipios pequenos. Evidentemente ten que haber unha axuda económica a estes municipios, tal e como establece o PEGSI, pero para implantar a administración electrónica o que realmente cómpre é que todo estea moi ben organizado, que os departamentos teñan protocolos sobre quen, como, e cando introducir a información, e mecanismos que garanta a súa calidade e dispoñibilidade. Isto implica cambios organizativos e de funcionamento, máis que tecnolóxicos.

Como valora o PEGSI?
Todos estamos de acordo en que a existencia do Plan é algo positivo. Evidentemente, debería ter chegado antes. A existencia do PEGSI ten valor en si mesma porque é un recoñecemento da importancia da sociedade da información, e plasma o feito de que é algo transversal que afecta a todos os sectores. O alcance do Plan é moi amplo e afecta ós profesionais, ás empresas, á formación, á sanidade, á cultura, etc. A proba é que aínda que o proxecto parte dunha consellaría pero require da participación e afecta a todas as demais. A non existencia dun proxecto así, como sucedía até agora, da lugar a que xurdan iniciativas totalmente inconexas entre si.


Ligazóns

0/5 (0 votos)