Os blogs do país amosan a súa preocupación pola situación do 'Ostedijk', cun seguimento moi de preto dos acontecementos e tamén críticas á actitude gobernamental. Brétemas, na súa entrada do 22 de febreiro, afirma que é o medo das autoridades o que está a condicionar a súa actuación; medo á alarma social e mediática e ás súas consecuencias nunhas eleccións que están moi próximas.
O autor de Brétemas amosa, por unha banda, a súa satisfacción polo feito de que o 'incidente' non chegase á categoría de 'catástrofe ambiental', pero tamén a súa decepción pola actitude feble do Goberno central fronte aos poderes locais.
Tamén dá a súa opinión Galeguzo, n'Os caminhos cruzados. Fai unha comparación entre a actitude da Administración central cando o 'Prestige' e agora, co 'Ostedijk'. Para el, aínda que o barco holandés é menos perigoso ca o petroleiro, a actitude do Goberno segue a ser igual de inocente, prepotente e torpe. Tacha de "maldito" o Ministerio de Fomento, que segue sen saber que facer cun barco danado na nosa costa. Todo isto sérvelle para lembrar expresións de descontento con Madrid.
Dende Alfaias, Folerpa é pesimista e afirma que nada cambiou dende a catástrofe ecolóxica do 'Prestige', e que seguimos a carecer de competencias en materia de seguridade marítima, sen protocolos de actuación ni portos refuxio. Outros blogs están a recoller durante estes días as opinións de diversos colectivos arredor do que está a acontecer na costa luguesa. É o caso da plataforma Ártabra 21 e de Ribadeando.