Evitar que os enfermos de alzheimer se perdan será máis doado a partir da próxima semana. Daquela será cando Cruz Vermella lance en Galiza un servizo de localización de persoas con deterioro cognitivo a través da tecnoloxía móbil. O sistema é quen de avisar a un centro de control se, por exemplo, algún dos enfermos afástase demasiado do seu domicilio. Iso si, "o proxecto está pensado para pacientes nas primeiras fases desta enfermidade", matiza a responsábel do proxecto en Galiza.
Cristina Lage, coordinadora de integración social de Cruz Vermella en Galiza, explica que os coidadores destes enfermos poden solicitar participar na experiencia piloto a partir do luns. Poden facelo a través do teléfono 902 22 00 70. En principio, a participación está aberta a persoas de toda Galiza, ademais de en Madrid e Barcelona.
Salta a alarma se colle un autobús
O sistema permite localizar a persoa que porta o terminal en tempo real, empregando comunicacións vía móbil e un sistema cartográfico. É máis, pódese configurar para detectar situacións potencialmente perigosas, por exemplo se o enfermo supera os trinta quilómetros hora dispararíase unha alarma, para indicar que o paciente pode ter collido un medio de transporte que o afaste do seu fogar.
Os portadores do transmisor serán seguidos dende unha sala de control nas dependencias da Cruz Vermella na Coruña, segundo indica Lage. A coordinadora indica que se trata dun proxecto "innovador" que, polo de agora, non conta con ningún usuario. A partir da semana próxima comezaranse a tramitar solicitudes de coidadores de enfermos para participar na experiencia.
Ademais da Cruz Vermella, colaboran o IMSERSO, a Fundación Vodafone España, Tecnocoid, Asociación Nacional do Alzheimer e Alzheimer España.