Impulso á innovación tecnolóxica, garantías de seguridade, mellor servizo e aforro de cartos. Neste último caso, até un millón de euros anualmente. Son os argumentos fundamentais expostos polo propio alcalde de Zaragoza ao tempo que anunciaba que o Concello optou por mudar ao software libre todas as aplicacións informáticas municipais.
En tempos recentes, houbo significativos avances na introdución do código aberto no ámbito da administración municipal. Con todo, a nivel estatal ningunha das principais cidades deseñara un proxecto concreto para virar ao completo toda a súa infraestrutura tecnolóxica coa fin de optar polo software libre.
Zaragoza é a primeira en dar o paso, e o plan presentado esta semana proponse facer a evolución nun período de dous anos. Neste proceso, o Concello calcula que gastará arredor de 700 mil euros en realizar todo o proceso de cambio, incluíndo o investimento en programas de formación para os seus traballadores. Ese gasto inicial quedará abondo compensado en pouco tempo coa previsión de aforro pola migración: un millón de euros cada ano.
O código aberto tamén avanza nas administracións galegas
No ámbito municipal, en Galiza tres de cada dez concellos usan na actualidade algún tipo de ferramenta de software libre, segundo o último informe do Observatorio Galego do Software Libre. Se restrinximos o cálculo aos concellos máis grandes, até o 70% empregan algunha aplicación baseada en código aberto.
O estudo tamén destaca o elevado grao de satisfacción demostrado polos concellos, o que fai pensar que seguirá medrando a aposta desde os municipios pola súa introdución. O descoñecemento segue sendo a barreira principal na aposta polas aplicacións.