Os dous deportistas do Cidade de Lugo Club Fluvial, volven conquistar os ouros que conseguiron hai xusto un ano en categoría júnior e cadete, respectivamente.
Con catro equipos -dous masculinos e dous femininos- acudiu o Cidade de Lugo Club Fluvial a Fuenlabrada, para disputar o Campionato de España de Duatlón nas categorías Cadete e Júnior e, mais unha vez, volveu demostrar o potencial dos seus deportistas.
Na categoría júnior masculina destacou o galego Óscar Vicente, internacional júnior coa selección española de triatlón e duatlón, que investiu 56 minutos e 9 segundos (12 segundos menos que o seu compañeiro Mario Mola, e 41 segundos menos que Albert Moreno) para revalidar o seu título. Na categoría feminina venceu a madrileña Ana de Gregorio, do Bricoblock-Esproten-Tritoledo.
Ouro tamén na categoría cadete
A outra atleta do Cidade de Lugo Club Fluvial que destacou en Fuenlabrada foi a galega Melina Alonso, vixente campioa estatal, que conseguiu revalidar título. A galega estivo acompañada no podio pola estremeña Míriam Casillas (A.D. Triatlón Pacense), e por outra galega, Samia Zahidi, do Club Atletismo Porriño, que conseguiu o bronce.
Na categoría cadete masculina do Club Fluvial tamén conseguiu outra medalla, a de bronce, que foi para Francisco González, segundo clasificado por detrás do ceutí Jaime Fontán e por diante do vasco Urko Berdud.
O clube lugués quedou de primeiro na categoría cadete feminina e na júnior masculina. Na júnior feminina foi o segundo clasificado por clubes, e na cadete masculina o quinto.