As seleccións galegas alevín e benxamín levaron senllos ouros. Os infantís unha prata e os cadetes terminaron cuartos no Campionato de España de fútbol sala de seleccións territoriais.
Os máis pequenos do fútbol sala galego demostraron o que valen esta fin de semana en Jaca e Canfranc (Huesca), no Campionato Estatal de fútbol sala nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.
Na competición, que comezou a pasada sexta feira e terminou o domingo, Galiza chegou á final en benxamín e alevín, e gañou a medalla de prata nas dúas categorías gañándolle a Andalucía (en benxamín por 4-2 e en alevín por 2-1).
Os infantís chegaron á final tamén, e perdérona contra Andalucía por 4 a 6, quedando coa medalla de prata. Os cadetes foron cuartos nunha categoría na que, outra vez Andalucía chegou á final, que lle gañou á selección balear.
Éxito que comparten tamén as mozas
De feito o pasado mes de marzo a selección galega infantil feminina de futsal proclamouse campioa do Estado en Jaén, tras vencer a Andalucía por 6-3 nun partido que, dende a Federación Galega de Fútbol Sala cualifican de "brillante".
As galegas metéronse no partido dende o comezo, actitude que se transformou nun 5-0 nos primeiros 20 minutos de xogo.
Os números de Galiza neste campionato foron excelentes, posto que foi o único equipo que conta os seus partidos por vitorias, sendo o menos goleado (8 goles en 5 encontros), o segundo máximo goleador (38 goles polos 39 de Andalucía, con un partido máis xogado), e tamén segundas na clasificación de xogo limpo.
Para chegar á final, a selección dirixida polo ourensán Manolo Codeso desfíxose en cuartos de Cataluña por 6-1; e en semifinais de Valencia por 5-1.