Esta fin de semana Galiza gañou, en Castro Urdiales, o Campionato Estatal de piragüismo por Autonomías, alén de dominar (e tamén vencer) no de traíñas feminino.
Galiza volveu ser, por segunda tempada consecutiva, a auténtica dominadora do Campionato Estatal de Traíñas na categoría absoluta feminina, que se desenvolveu esta fin de semana na vila cántabra de Castro Urdiales.
O ano pasado o Náutico de Vigo e Cabo de Cruz trouxeran as medallas para Galiza, e desta volta as remeiras galegas volveron encher o podio. O ouro foi para as boirenses de Cabo de Cruz, gañando cunha estreita marxe de seis segundos. Segundas foron as mozas de Chapela, e o bronce levárono as de Samertolameu. O Astillero cántabro, a única tripulación non galega que se clasificou para a final, foi cuarta, e as mecas foron quintas.
Ademais, o Mecos Mondariz do Grove proclamouse campión estatal júnior masculino. Tamén estaba clasificada para a final a tripulación de Vilaxoán, que finalmente quedou quinta. Non houbo tanta sorte na categoría sénior masculina, onde quedaron eliminados varios representantes galegos, xa o sábado (Tirán e Chapela). Só se clasificou para a final o Samertolaméu de Meira, mais só puideron ser quintos.
Triunfando tamén no piragüismo
No Campionato Estatal de Federacións Autonómicas volveu destacar Galiza un ano máis; e van tres consecutivos. Era o décimonoveno título para os galegos e as galegas, que, ademais, remaban na casa, en Castrelo de Miño.
Os galegos dominaron en catro categorías de canoa, con dobrete de José Luís Bouza en C-1, e vitorias dos irmáns Costa Bouzada en C-1 1.000 metros; e de Miguel Rodríguez Galbán e André Oliveira en 500.
En Kaiak masculino Carlos Pérez (que esta cuarta feira podería saber finalmente se ha acudir a Beixín, acompañado do catalán Saúl Craviotto, no K-2) impúxose en K-1; e o K-4 de Rodríguez, Alonso, Abal e Piña aproveitou o erro de Castela e León para acadar a sexta vitoria galega na matinal.
Ademais hai que contar dúas segundas prazas en damas para Teresa Portela en K-1 e para o K-4 de Portela, Piña, Vázquez e Varela. En Kayak masculino, alén das vitorias mencionadas, houbo dúas terceiras plazas para Jovino en K-1 1.000 e en K-2 500, en compañía de Piña.
Ao final Galiza sumou un total de 323 puntos, polos 286 de Asturias; os 222 de Andalucía e os 203 puntos de Castela e León. Euskadi termino una quinta praza, con 161 puntos, por diante de Murcia, Cataluña, Estremadura, Madrid, Baleares, Castela-A Mancha e Cantabria.