Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ciclismo. contrarreloxo e fondo

Pereiro sobe ao podio no Estatal

O galego quedou de terceiro en fondo. Máis irregular foi a actuación dos ciclistas do KGZ, xa que, tras a retirada de Veloso, quedaron por riba do décimo posto.

Redacción - 11:03 30/06/2008
Pereiro, a carón de Valverde e Sevilla no podio /  Imaxe: Rafa Carbonero / www.extremaduraciclismo.net

Pereiro, a carón de Valverde e Sevilla no podio / Imaxe: Rafa Carbonero / www.extremaduraciclismo.net

Óscar Pereiro terminou a carreira no Campionato Estatal de fondo en estrada completando o podio (que coroaba o seu compañeiro Alejandro Valverde, seguido de Óscar Sevilla), e coa medalla de bronce pendurada do pescozo. Foi un terceiro posto que lle soubo de marabilla ao ciclista de Mos pois, segundo dixo, levaba todo o ano sen gañar e "precisaba un bo resultado coma este".

Opcións no Tour e en Beixín
Pereiro demostrou a súa fortaleza e o seu bo estado de forma nunha carreira que dominou o seu equipo, o Caisse d'Epargne, con regularidade. Os corredores tiñan que dar tres voltas a un circuíto de 69 quilómetros, cun desnivel de 850 metros entre o punto máis alto e o máis baixo.

Esta vitoria válelle a Óscar Pereiro para demostrar que a súa candidatura para ir a Beixín é poderosa. De momento está entre os 12 preseleccionados pola Federación Estatal. Agora, a mente tamén está posta na vindeira edición do Tour 2008, que comeza o vindeiro sábado.

O papel dos homes do KGZ
O Campionato Estatal de contrarreloxo foi tamén para o Caisse D'Epargne, e conseguiuno o seu corredor Luis León Sánchez. Segundo foi Rubén Plaza (Benfica) e Iván Gutiérrez, tamén do Caisse D'Epargne, foi terceiro. Mentres, o Karpin Galicia, tras as coñecidas baixas de Gustavo C. Veloso e David Herrero, non tivo opcións. Os seus representantes, Gonzalo Rabuñal e Serafín Martínez, clasificáronse nos postos décimo quinto e décimo noveno, respectivamente. Salgueiro (Estremadura), o outro galego na proba, foi décimo sexto.

Por outro lado, en fondo, o KGZ conseguiu unha excelente undécima praza grazas á actuación de Serafín Martínez. Tamén fixeron unha boa proba Gustavo Domínguez e Delio Fernández (segundo mellor entre os máis novos), así como outros galegos coma Enrique Salgueiro (Estremadura). Tamén lograron terminar a dura proba Paleo, por parte do Karpin Galicia, e o porriñés Luis F. Oliveira (Barbot).


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: