Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ademais da mínima olímpica de David Gómez

Seis medallas para os galegos no Estatal de Atletismo

O decatleta do Rosal é o último en se incorporar ao equipo olímpico galego, mais tamén houbo metais para Dacal, Mercedes de Santaló, Palomanes, Arias e Pedrares.

Redacción - 11:45 28/07/2008
Mercedes de Santaló, lanzando o disco

Mercedes de Santaló, lanzando o disco

A representación galega destacou no Campionato Estatal de Atletismo que se desenvolveu esta fin de semana en Tenerife, conseguindo seis metais: tres outros e tres bronces.

Ademais da exitosa xornada que protagonizou David Gómez, converténdose no último galego con praza para Beixín 2008 (facendo a marca mínima no décathlon), houbo dous ouros máis, o de Gustavo Dacal, en xavelina, e o de Mercedes de Santaló, en disco. Os bronces foron para o júnior Xosé A. Palomanes, en triplo salto, para Eva Arias en 3.000 obstáculos e para Loly Pedrares en martelo.

Dacal, a piques de conseguir o pasaporte para Beixín
O atleta pontevedrés Gustavo Dacal, da Ximnástica de Pontevedra, proclamouse campión estatal nunha disciplina na que xa é plusmarquista. Mais, a pesar de Dacal conseguir bater a mellor marca dos Campionatos (obtendo o seu noveno título estatal e o que foi o sétimo consecutivo), non conseguiu o pase para os Xogos Olímpicos de Beixín, posto que lanzou a xavelina até os 73,53 metros, e a marca mínima está nos 77,80 metros.

De Santaló, ouro en disco e Palomanes, bronce en triplo salto

A lucense Mercedes de Santaló (Pto. Alicante), con 53,68 metros no lanzamento de disco, proclamouse vencedora, xa o sábado, tras unha dura competición. Un bocado despois o júnior Xosé A. Palomanes (Ourense Academia Postal), cun salto de 15,85 metros, obtivo a medalla de bronce, quedando a só 16 centímetros da súa mellor marca persoal.

O domingo era a quenda de Loly Pedrares, a atleta tudense do Valencia Terra i Mar, conseguiu a medalla de bronce na proba de lanzamento de martelo marcando os 57,78 metros. A catro veces campioa estatal da disciplina, fixo a súa mellor marca ao cuarto intento, manténdose, así, na elite estatal da disciplina un ano máis.

O terceiro bronce foi para a valdeorresa Eva Arias (Valencia Terra i Mar), que, nunha das últimas probas do campionato, a de 3.000 obstáculos, entrou de terceira, confirmando a súa adaptación á nova disciplina, manténdose, en todo momento, no grupo de cabeza.

Outras boas posicións foron a de Begoña Garrida, (cuarta en el 400 metros), e os lanzadores de martelo Vicente, Fernández e Almudi que se proclamaron cuarto, quinto e sexto con 64,88, 62,38 e 60,87, respectivamente.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Gustavo Dacal, ouro en xavelina
Gustavo Dacal, ouro en xavelina
Palomanes, á dereita, no podio, coa medalla de bronce gañada no triplo salto
Palomanes, á dereita, no podio, coa medalla de bronce gañada no triplo salto
Eva Arias, nos 3.000 obstáculos (terceira pola dereita)
Eva Arias, nos 3.000 obstáculos (terceira pola dereita)