Iván Raña compite no segundo segmento da proba masculina, os 40 Km de ciclismo. É o favorito, após a baixa de Gómez Noya.
A triatleta galega Pilar Hidalgo non puido subir este domingo ao podio do Campionato Estatal de Triatlón elite feminino que se desenvolve en Ferrol. Hidalgo entrou na meta de quinta, a uns 40 segundos de Ana Burgos que foi bronce. A prata foi para Ainhoa Murua (aínda que a segunda clasificada foi a checa Vodickova) e o ouro para a madrileña Maria Damlaimcourt, quen liderou a carreira en todo momento.
Raña, o favorito entre os mozos
O triatleta de Ordes, Iván Raña, figura en todas as quinielas como máximo favorito para conquistar en Ferrol o título de Campión Estatal, ante a ausencia de Xabier Gómez Noya, que sofre unha tendinite.
Raña vén de demostrar, após as Olimpíadas (onde conseguiu diploma olímpico) que aínda está na elite deste completo deporte. Arestora está situado no grupo de cabeza do segundo segmento, o de ciclismo, cando xa levan percorridos máis de 20 dos 40 quilómetros que compoñen a proba. Aínda quedan os 10 quilómetros de carreira a pé que son os que decidirán o podio.