A CIG convoca un paro para o día do xuízo a catro traballadores acusados de desorde pública nas mobilizacións de 2007.
Será o vindeiro xoves 6 de novembro e está prevista unha concentración perante os xulgados de Vigo. Alí celebrarase o xuízo contra catro obreiros, tres afiliados á Confederación Intersindical Galega (CIG) e un á Central Unitaria de Traballadores (CUT), que se enfrontan a catro anos de cárcere e ao pago dunha multa de catro mil euros. Están acusados de disturbios durante as xornadas de folga no sector de maio de 2007, cando se exixía o cumprimento do convenio do metal.
Outras demandas
A esta folga están chamados os 22 mil operarios, que suman ás súas protestas a denuncia da precariedade que afecta os traballadores dalgunha empresa do sector. Segundo explica Henrique Pérez, coordinador da Federación do Metal da CIG na comarca de Vigo, a xornada de paro pretende chamar tamén a atención sobre o incumprimento do convenio, xa que algunhas empresas non aumentaron o seu número de empregados fixos até o 50%, tal e como se recolle no acordo pactado daquela entre patronal e sindicatos. Asemade, Pérez denuncia que existen empresas estranxeiras que teñen a traballadores en situación ilegal, co que non perciben as retribucións que lles recoñece a lexislación nin adquiren os correspondentes dereitos sociais.
Diverxencias entre os sindicatos
Tanto a UXT como Comisión Obreiras realizarán tamén mobilizacións nese día, se ben están restrinxidas aos delegados sindicais e non a todos os traballadores. Con todo, as organizacións obreiras réstanlle importancia a esta decisión, que se tomou nas diferentes asembleas e, por exemplo, dende a CIG, Henrique Pérez falou de "diverxencias sobre a magnitude", non sobre o fondo. No que todos semellan estar de acordo é que o obxectivo desta petición "desproporcionada" do fiscal para os sindicalistas obedece a un intento de "escarmentar" á clase traballadora e amedrentala ante a vindeira negociación do convenio, que deberá iniciarse o vindeiro ano.