Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO MERCANTE INCENDIADO EN AROUSA

Localizado o cadáver do mariñeiro desaparecido

De nacionalidade filipina, o tripulante foi achado no interior do buque. Ao redor do mercante instaláronse barreiras anticontaminación.

Redacción - 13:25 15/12/2008

Cara as 12 do mediodía deste luns suspendéronse os traballos de busca do mariñeiro desaparecido do mercante chipriota que se incendiou fronte á costa de Vilagarcía. O corpo sen vida de Tendencio Morales, de nacionalidade filipina, foi achado no interior da embarcación polos medios de salvamento. O falecido era o terceiro oficial de máquinas no buque e foi evacuado a terra por unha patrulla da garda civil.

Mentres, os outros 21 tripulantes atópanse en bo estado de saúde, logo de ser rescatados. O capitán do mercante foi dado de alta no Hospital Comarcal do Salnés mentres que no centro sanitario permanecen seis tripulantes máis, todos por inhalación de fume. Con todo, o seu estado non reviste gravidade. Salvamento Marítimo informou de que 18 traballadores son filipinos, tres son gregos e un ucraíno.

Contaminación descartada
O lume foi extinguido polos buques María Pita (de Salvamento Marítimo) e Sebastián Ocampo (da Xunta). O mercante chipriota permanecerá fondeado no lugar do suceso mentres se estuda o seu destino. Capitanía Marítima está a valorar a posibilidade de remolcalo a porto. Mentres, ao seu redor instaláronse barreiras anticontaminación, se ben non hai constancia de ningunha fuga de combustíbel.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: