Arrincou o torneo estatal de seleccións cun mal resultado para as nosas, que agora teñen a obriga de gañar a Cataluña no encontro deste venres.
A Irmandiña ten por diante un fermoso enfrontamento contra Catalunya
O xoves comezou en Gasteiz o campionato estatal de fútbol sala, ao que a Irmandiña chegaba coa intención de corroborar o bo nivel amosado no mundial da disciplina celebrado o pasado mes de outubro en Reus e onde remataron segundas. Á selección que adestra neste campionato María Varela Bardanca tocáballe inaugurar o campionato e fíxoo cunha derrota
Igual que acontecera no mundial, a Irmandiña terá que ir de menos a máis, despois dun partido no que os erros defensivos ao comezo da segunda metade condenaron a un equipo galego que se colocou cun marcador en contra de seis a un aos pouco minutos do segundo acto. Despois María Varela apostou por xogar cunha porteira-xogadora e conseguiron achegarse no marcador, pero non o suficiente para remontar.
A principal dificultade agora estriba en que para clasificarse as galegas teñen que gañar o venres á poderosa selección catalá no último partido do grupo, e agardar ao resultado do partido que estas xoguen contra a Rioxa. Galiza xoga contra Catalunya o venres ás 17.00 horas e terá alí unha boa ocasión de desquitarse, xa que esta é a selección que gañou á Irmandiña na final do último mundial. Aínda así a selección galega neste campionato pouco ten que ver con aquela, que foi artellada por unha federación diferente a esta, e resulta probábel que na catalá tampouco repitan moitas xogadoras.
Na fase final deste torne participan as seleccións de Galiza, Euskadi, Catalunya, Andalucía, Madrid e A Rioxa, divididas en dous grupos de tres equipos. As seleccións de cada grupo xogan entre si un triangular que clasifica para a final ás primeiras de cada grupo, e para a final de consolación ás segundas clasificadas. Estes partidos xogaranse na mañá do domingo.