Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANTE A CANCELACIÓN DA emisión de A Caixa Negra

O Colexio Profesional de Xornalistas denuncia censura na Galega

Tamén falan de "intromisión de criterios non profesionais nun medio público". Polo seu lado, o PSdeG pediu o cese de Sánchez Izquierdo, o novo director do ente.

Redacción - 14:00 04/06/2009
Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio / Imaxe de arquivo do CPXG

Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio / Imaxe de arquivo do CPXG

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) anuncia, nun seu comunicado, que a cancelación da emisión do episodio do programa da TVG A caixa negra, sobre a crise das 'vacas tolas', previsto para a pasada terza feira, foi "un episodio de censura e/ou de intromisión de criterios non profesionais nun medio público".

A Xunta de Goberno do CPXG subliñan que a decisión de sacar o programa da grella de programación foi unha medida adoptada sen ter en conta "consideracións informativas", como, sinalan, "demostra o feito de que se tomou sen sequera visionar o programa". Nesta liña, consideran que "o argumento de que se cancelou a emisión atendendo á delicada situación dun sector económico en crise non é de recibo", por canto que "esa crise non é puntual, e na actualidade non ten nada que ver coa circunstancia obxecto da reportaxe". Alén disto, critican que fose un sindicato, segundo transcendeu, o que influíu para que quitasen a reportaxe, o que supón "a inxerencia nos criterios informativos"; e sinalan que, "do mesmo xeito", os sindicatos do metal poderían influír para que se quitasen as imaxes da folga do metal de Vigo, "por considerar que atenta contra os seus intereses".

Nesta liña pregúntanse se este mesmo argumento se aplica a un "feito histórico, aínda que sexa da historia recente", cal será o tratamento "cando a reportaxe sexa sobre asuntos de actualidade". Finalmente, queren recalcar dende o CPXG que "o dereito a determinar as liñas de programación non inclúe prácticas como a censura, previa ou posterior, dos contidos".

O PSdeG pídelle ao director do ente público que identifique o "responsábel da manipulación" e que o bote
O voceiro parlamentario do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle esta quinta feira ao director xeral de la Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, que "identifique" ao "responsábel da manipulación", pola cancelación desta reportaxe, e que o bote; ou, de non ser así, que cese el mesmo no seu cargo.
O representante do PSdeG criticou a decisión do medio público de cancelar esta reportaxe sobre a crise das vacas tolas, e o "intento" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de "implicar un dirixente dun sindicato agrario nesta decisión". "Houbo unha orde política de Feijoo, para manipular", sentenciou Leiceaga.

Nesta liña, o socialista tamén considerou "moi grave" o nomeamento das directoras da TV e da Radio públicas, Rosa Vilas e Rosa Martínez, respectivamente, porque, segundo dixo, "ámbalas dúas fixeron parte do período máis negro da compañía", en referencia á cobertura informativa da etapa do Prestige.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: