Alfonso Zarauza e Marta Piñeiro dirixen a nova produción de ficción da tempada, que narra o día a día do periódico e da cidade.
As series sobre gremios profesionais son xa un clásico da televisión. A TVG estrea este xoves unha nova aproximación a este xénero: O Nordés, unha serie de ficción centrada na redacción dun xornal. Producida por CTV e Zopilote, conta coa novidade de ambientarse en Vigo que, a pesar de ser a cidade máis populosa e dinámica do país, poucas veces foi retratada na ficción televisiva.
A nova serie está dirixida por Marta Piñeiro e Alfonso Zarauza, que se estrea na televisión logo de dirixir o ano pasado a longametraxe A noite que deixou de chover. Ás suas ordes traballa todo un equipo de redacción no que destacan Mabel Rivera, Xosé Manuel Olveira Pico, Isabel Risco, Olalla Salgado, Víctor Fábregas, Monti Castiñeiras, Fernando Morán, Xulio Abonjo e Marcos Orsi, entre outros.
A serie narra o día a día dun xornal e dunha cidade. A cidade é Vigo, e o xornal é “O Nordés”, unha modesta publicación centenaria en crise que loita por manter a súa independencia fronte ás presións dun importante empresario para facerse co seu control. A serie narra os casos profesionais e os conflitos que se dan na redacción dun modesto xornal galego. Cada capítulo estrutúrase nunha xornada de traballo, desde a primeira reunión matinal do consello de redacción ata que os lectores reciben o periódico á primeira hora da mañá do día seguinte.
A nova serie de produción galega comeza a emitirse o xoves 17 de setembro e conta con 13 capítulos. Na equipa traballan 130 persoas e para a súa gravación creouse o maior escenario para unha serie de ficción en Galiza. O Nordés únese nesta tempada da TVG a outras series que se manteñen na grella da canle, como Matalobos, Libro de familia e Padre Casares.