O blogomillo e Facebook únense contra o "estarrecedor" e parcial interrogatorio efectuado por Carlos Luís Rodríguez ao presidente da Mesa a noite do luns.
Un momento da entrevista / TVG
A entrevista efectuada este luns por Carlos Luís Rodríguez a Carlos Callón, presidente da Mesa, no programa Foro Aberto, da TVG, provocou toda unha serie de reaccións na rede. No seu blog Días estranhos, Martin Pawley cualifica de "estarrecedora" a entrevista "perpetrada" a Callón. De feito, calquera que vexa o vídeo comprobará que se trata máis dunha agresión ou, como máximo, dun debate, ca dun diálogo ou do xénero xornalístico de preguntas e respostas.
Pawley contrasta o "estilo duro e agresivo" do programa coa "xenerosa brandura que a outros lle dedica este homiño" que "sabe ben a quen lle reparte a pólvora e a quen as magnolias". Salienta que "gañou Carlos Callón", por aguantar dez minutos de ataques e interrupcións con "abraiante serenidade de diana". Fixo tamén un chamamento ao Colexio Profesional de Xornalistas para que se pronuncie sobre o tema, que considera máis grave cós berros de "televisión manipulación" durante a conexión en directo da TVG coa manifestación do domingo.
Tamén liga o vídeo Xabier Pérez Igrexas, en Contradiscurso. El é un dos promotores dun grupo na rede social Facebook que pide o cesamento de Carlos Luís Rodríguez, e que xa recibiu o apoio de 150 persoas.