Feijoo garante o servizo público , e que se reformará a lei para que o Parlamento teña "protagonismo" na elección da dirección da CRTVG.
O presidente da Xunta garantiu que a TVG se seguirá a ver nas zonas galegofalantes situadas fóra das fronteiras de Galiza. Alberto Núñez Feijoo anunciou que o Goberno impulsará a recepción da televisión pública nas áreas onde se fala a nosa lingua pero forman parte das comunidades autónomas de Asturias e de Castela e León.
O xefe do Executivo lembrou perante o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia que a TVG ten como función "clara" o "servizo público" e a "promoción e a defensa da cultura e do idioma galego". Así mesmo, confirmou que as previsións que baralla a Xunta son que se complete o apagón analóxico o 3 de abril de 2010. Antes, na primeira metade de xaneiro, terá lugar nas provincias da Coruña e de Ourense. De feito, o Ministerio de Industria anunciou este luns que nas áreas técnicas de Ares, Meda e Santiago-Ourense Leste a data prevista para os apagamentos é o 18 de xaneiro.
Feijoo tamén anunciou que o Goberno reformará as leis de publicidade institucional, de comunicación audiovisual e de creación da CRTVG. No primeiro caso, pretende racionalizar o "exceso de propaganda", por outro lado, adaptar a normativa galega á lexislación europea e estatal e, no caso da CRTVG, "darlle protagonismo" ao Parlamento na elección da dirección do ente público.