Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Manipulación" e "sectarismo político", acusan

Tres horas ao mes co presidente, o "terceiro presentador" do Telexornal

O PSdeG denuncia que o presidente da Xunta acapara o 80% do tempo dos informativos da TVG, que en xaneiro sumou un total de 185 minutos en pantalla.

Redacción - 18:25 15/03/2010

O portavoz do PSdeG na comisión de control da CRTVG, Ricardo Varela, denunciou este luns o tratamento informativo dos distintos partidos nos informativos da TVG, que cualificou de "escándalo absoluto".

"Manipulación" e "sectarismo político" considerou os tempos empregados para cada partido en xaneiro. Segundo os seus cálculos, a presenza do presidente da Xunta nos informativos durante ese mes multiplica por nove a do líder dos socialistas, Pachi Vázquez.

En concreto, Varela apuntou que Alberto Núñez Feijoo estivo en pantalla 3:05 horas; por 20:20 minutos do secretario xeral do PSdeG, e 21:50 minutos do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

Isto é o 80% do tempo, cando a correlación de forzas no Parlamento é de 38 deputados por 25, mentres "curiosamente" -comentou o deputado socialista- o BNG ten practicamente o tempo do PSdeG, coa metade de deputados.

"Estamos ante un escándalo de manipulación sen precedentes", sinalou Ricardo Varela, para quen a TVG busca asemellarse a "TeleEsperanza", en alusión a Telemadrid, ou "mesmo en Valencia", mentres que o presidente da Xunta se converteu no "terceiro presentador" da canle galega.

"Só atopamos unha posíbel explicación", dixo, que Núñez Feijoo estea a dar instrucións á TVG para "tratar de apagar do mapa político" o líder do PSdeG, polo que anunciou que van pedir a comparecencia do director xeral da compañía, Afonso Sánchez Izquierdo, e queixaranse ante o Valedor.

Tamén, asegurou que a "falta de credibilidade" ten como consecuencia a caída das audiencias dos informativos, un 15% en xaneiro respecto ao mesmo mes de 2009, e aludiu ao tratamento informativo que se fixo coa manifestación das caixas en Vigo a de Queremos Galego en Compostela: "Son dúas boas mostras de enorme sectarismo".

Por último, Ricardo Varela, asegurou que a CRTVG non é quen de solucionar un dos seus "graves" problemas: a situación laboral do seu persoal laboral, composto cun 40% de interinos.

PPdeG: "Falsean a realidade como no bipartito"

O PPdeG non tardou en responder as palabras do socialista, este mesmo luns, asegurando que o PSdeG "falsea a realidade como fixeron nos telexornais da etapa anterior". "Está afeito a manipular os informativos durante o bipartito, e adícase agora a manipular os datos sobre o tratamento informativo", sinalaron.


4,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: